O Comité de Emesa rexeita o anuncio da dirección de presentar un novo ERE na planta de Coirós

O persoal celebrou unha asemblea e unha concentración nas instalacións para avaliar as últimas accións da representación dos traballadores/as e a situación da empresa
O Comité de Elaborados Metálicos SL, Emesa, celebrou esta mañá unha asemblea de traballadores/as e unha concentración diante das instalacións de Coirós para denunciar as intencións da empresa de presentar un ERE temporal e outro de extinción. Hai que lembrar que o persoal de Emesa está a padecer nestes intres a segunda regulación temporal consecutiva, sen que a dirección da factoría nin do grupo empresarial Isolux Corsán, ao que pertence, levaran a cabo as xestións oportunas para garantir a continuidade da actividade na fábrica e dos máis de 300 postos de traballo directos e indirectos que dependen dela.

A continuación reproducimos o comunicado do Comité de Emesa:

O mércores, día 26 de xaneiro, o Comité de Empresa de Elaborados Metálicos EMESA SL empresa pertencente o grupo Isolux Corsán, convocou unha asemblea de traballadores e traballadoras que rematará con unha concentración diante da empresa na súa factoría de Coirós, ás 11:30h.

Nesa asemblea informouse aos traballadores e traballadoras tanto do recurso ao segundo ERE, que recibiu por parte da Delegación de Traballo da Xunta de Galiza o silencio administrativo, como da denuncia por discriminación nas rotacións que foi a xuízo o pasado 17 de decembro de 2010 e que a día de hoxe aínda non tivo sentenza por parte do xulgado. Dentro desa mesma xuntanza falouse cos traballadores/as sobre as conversas polo Convenio Colectivo que a Dirección da Empresa ten estancadas dende hai dous anos.

Despois das presións por parte do Comité de Empresa para que a empresa expuxera un plan global para o mantemento dos postos de traballo, a Dirección de EMESA comunicou de forma verbal a intención de pedir un ERE de extinción así como outro temporal, comunicación que, segundo a dinámica do Grupo Isolux Corsán e a Dirección de EMESA, non concretou nin a cantos traballadores afectará calquera dos dous ERE, nin as condicións dos mesmos.

Elaborados Metálicos EMESA SL está a sufrir o seu segundo ERE, que rematará no mes de marzo co que se sumarán 16 meses en regulación de Emprego. Esta situación prolongada no tempo, a discriminación nas rotacións e o estancamento na negociación do convenio pola negativa actitude de negociación da Dirección da empresa, está a causar unha crecente incertidume e malestar entre o Comité de Empresa e os traballadores para coa Dirección de Isolux Corsán e EMESA.

Todo isto sumado ao silencio da empresa, que só accedeu a reunirse de forma oficial co Comité de Empresa a principios de febreiro, data na que se esgotan os prazos para a presentación do ERE de extinción, evitando deste xeito calquera tipo de conversa cos traballadores/as antes da presentación do expediente, e negándolle información das condicións e tipo do mesmo. Dita situación está a somerxer en un clima laboral depresivo a todos os traballadores da empresa e as subcontratas que traballan na mesma.

Máis de 300 postos de traballo directos e indirectos dependen de esta factoría, pero neste intre descoñécese cal será o seu futuro laboral. Non temos información real sobre a carga de traballo que ten EMESA e vemos como o grupo Isolux Corsán desvía traballos que poderían ser feitos por EMESA a empresa de fóra do grupo.

Comité de Empresa

Elaborados Metálicos EMESA SL

Nenhum comentário: