O Comité de Emesa pide a implicación real da Xunta para garantir o mantemento do emprego e o futuro da factoría

O persoal solicita á Administración galega que requira á Isolux Corán a presentación dun plan de viabilidade e informe sobre a carga de traballo que ten o grupo
Traballadores de Elaborados Metálicos Emesa, pertencente ao grupo Isolux Corsán, concentráronse na mañá deste xoves diante da Xefatura Territorial da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña para demandar a implicación da Xunta na loita polo futuro da factoría de Coirós, xusto no momento que se cumpren tres meses de aplicación do terceiro expediente de regulación e ante a ausencia de manobras por parte da dirección na procura de carga de traballo.
O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, sinalaba ao inicio da protesta que, a pesares do cadro de persoal estar inmerso no terceiro ERE, aínda fican pendentes de resolver varios expedientes administrativos e xudiciais relativos ás regulacións anteriores. A este respecto, explicou que até o momento, malia os compromisos contraídos pola propia Consellaría, a única resposta que o Comité obtivo ao recurso de alzada presentado ao segundo expediente de regulación, “é o silencio administrativo”.

Ademais, o 17 de novembro pasado, os traballadores/as asistían ao inicio do xuízo polo conflito colectivo por mor das discriminacións nas rotacións no tempo de traballo, promovido logo de que a empresa incumprira o acordado coa parte social para o primeiro ERE. Procedemento que, a día de hoxe, “aínda non tivo sentencia por parte do xulgado”.

Ao remate da protesta, o Comité fixo entrega dun escrito dirixido ao Xefe Territorial de Traballo e Benestar na Coruña demandando a resolución favorábel do recurso de alzada e no que solicitan, tamén, unha xuntanza coa Conselleira de Traballo e co Conselleiro de Industria para abordar que tipo de iniciativas ten adoptado a Xunta de cara ao futuro de Emesa.

De igual xeito, demandan da administración galega que requira ao Grupo Isolux a concreción do plan de viabilidade e que demostre documentalmente a carga de traballo que o grupo ten no mercado do estado español e no mercado internacional. “De non ser así , dende este Comité consideraremos que a Xunta de Galiza está en pleno acordo con Isolux para o desmantelamento da factoría de Coirós e a destrución de postos de traballo na comarca das Mariñas”, aseveran no escrito.

22 meses de regulación de emprego

Fronte a esta paralización, Rodríguez alertaba da dramática situación á que se ten conducindo a factoría de Coirós: nos tres últimos anos 170 traballadores/as perderon o seu emprego e a maioría do cadro de persoal ten esgotado xa o dereito a cobrar o paro. Hai que lembrar que Emesa encadea tres expedientes consecutivos que o vindeiro setembro, data na que remata a vixencia do actual ERE, sumarán un total de 22 meses de regulación.

Mentres, por parte da empresa, explica o Presidente do Comité, non se ten realizado ningún tipo de movemento de cara á procura de nova carga de traballo que poida garantir a continuidade da actividade da fábrica. “Levamos dous anos pedindo un plan de viabilidade para esta empresa e reclamando información sobre a carga de traballo real que ten o grupo, cuestións ás que nin Isolux Corsán nin a Xunta de Galiza se dignaron contestar”, denuncia.

A día de hoxe, fican na empresa 140 empregados/as dos 378 que tiña Emesa antes do primeiro ERE. Ademais, tan só uns nove operarios traballan na factoría neste intre, realizando pequenas tarefas de mantemento. Sobre este punto, continúa Andrés Rodríguez, durante as últimas reunións da mesa de seguimento, a empresa informou da existencia dunha carga de traballo “ínfima”, unhas 150 toneladas, “que non supón máis que traballo para 20 días”.

“O Grupo Isolux é un dos maiores concesionarios de obra pública do Estado español, matizou Rodríguez, “por iso non entendemos que non haxa ningún tipo de carga de traballo para unha factoría como Emesa que traballa para estruturas metálicas de obra civil”. “A situación continuada de regulación de emprego, a discriminación nas rotacións e o estancamento na negociación do convenio pola negativa actitude da Dirección da empresa, está a causar un crecente malestar nos traballadores para coa Dirección de Isolux Corsán e Emesa, ademais dita situación está a somerxer nun clima laboral depresivo a todos os traballadores da empresa e as compañías que traballan na mesma”, advirten dende o Comité.

Nenhum comentário: