O Comité de Emesa traslada ao Delegado do Goberno a problemática na factoría de Coirós

O responsábel político comprométese a revisar a documentación que posúe o persoal para esclarecer a carga de traballo real do grupo Isolux
O Comité de Emesa mantivo esta mañá unha xuntanza co Delegado do Goberno na Galiza, Miguel Cortizo para trasladar a problemática laboral na que está inmersa o cadro de persoal da factoría de Coirós, que arrastra tres EREs consecutivos. A representación dos traballadores/as demandou, ao igual que xa fixo coa Xunta en reiteradas ocasións, a implicación real do Goberno español neste conflito para garantir a continuidade de Emesa e o mantemento dos empregos.
Coincidindo coa xuntanza, os traballadores de Emesa retomaban as faixas e os chifres para trasladar as súas protestas ás portas do edificio da Delegación, onde se volveron escoitar consignas en contra dos expedientes de regulación de emprego e na demanda de carga de traballo para as instalacións de Coirós.

Momentos antes do encontro, o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez explicaba que solicitaron a reunión con Cortizo para trasladar a problemática que padece o conxunto do persoal e matizar as afirmacións realizadas dende o Executivo. A este respecto, Rodríguez lembrou que o pasado mes de maio, a través do deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, interpelouse ao Goberno español a respecto da situación de Emesa e da carga de traballo do Grupo Isolux. A resposta por parte do Goberno foi que, tras consultar coa Xunta e coa Inspección de Traballo, considera que non existe ningún tipo conflito na empresa.

Fronte a isto, Rodríguez lembrou que o Comité leva meses agardando a resolución do recurso de alzada presentado por mor da autorización do segundo ERE, así como a sentenza do conflito colectivo interposto contra a empresa polo incumprimento dos acordos nas rotacións do tempo de traballo.

Ademais, o presidente do Comité subliñou que aínda non teñen información verídica, nin dende a empresa nin dende a administración, a respecto do volume total da carga de traballo do Grupo Isolux, ao que pertence Emesa, pois é un dos maiores concesionarios de obra pública do estado.

Aínda que Rodríguez cualificou de positivo o resultado do encontro, xa que o Delegado do Goberno se comprometeu a revisar toda a documentación coa que conta o Comité co obxecto de esclarecer a carga de traballo real que ten o Grupo Isolux, amosouse precavido na súa valoración “tendo en conta as experiencias anteriores coa administración”. Neste senso, censurou a actitude mantida pola conselleira de Traballo e o conselleiro de Industria, que a día de hoxe non atenderon as diversas solicitudes de xuntanzas cursadas polo Comité.

Nenhum comentário: