O persoal de Emesa continúa as mobilizacións en defensa do emprego e en demanda da implicación da Xunta

Un grupo de traballadores realizou unha concentración diante da Delegación da Consellaría de Traballo na Coruña
Traballadores de Elaborados Metálicos Emesa continuaron esta mañá as mobilizacións que dende hai meses veñen desenvolvendo en defensa do emprego na factoría de Coirós e para demandar “dunha vez” á Xunta unha implicación real neste conflito. Dende o Comité volveron advertir que a partir do mes de setembro, data na que remata a vixencia do terceiro ERE temporal, haberá novos despedimentos na filial de Isolux Corsán.
O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, lanzaba unha chamada á responsabilidade da administración galega ás portas da Delegación da Consellaría de Traballo da Coruña, onde o persoal de Emesa desenvolveu esta mañá unha concentración. Rodríguez lembrou que os traballadores e traballadoras da filial de Isolux Corsán levan dous anos encadeando expedientes de regulación de emprego (o último deles extintivo e de suspensión) sen que até o momento nin dende a empresa nin dende o Goberno galego se teña amosado ningún tipo de preocupación por garantir a continuidade da factoría nin dos postos de traballo.

De feito, a pesar das reiteradas solicitudes de información por parte do Comité para coñecer a carga de traballo real do grupo Isolux Corsán no ramo do metal, a empresa continúa sen achegar ningún tipo de documentación. Cómpre lembrar que o grupo é un dos maiores concesionarios de obra pública do estado. Neste senso, Rodríguez apuntou que posibelmente a partir do mes de setembro a dirección avance no de desmantelamento da planta de Coirós e presente un cuarto expediente de regulación con novos despedimentos.

Por iso, o Presidente do Comité apelou á responsabilidade da Xunta e da administración de Xustiza (que aínda está pendente de resolver varias denuncias presentadas polo Comité) “para que non escorran o bulto e atendan as nosas reivindicacións”. Así mesmo, lamentaron a actitude mantida pola conselleira de Traballo e o conselleiro de Industria, que a día de hoxe non contestaron as diversas solicitudes de xuntanzas cursadas pola representación do persoal.

Nenhum comentário: