O Comité de Emesa rexeita a proposta do cuarto ERE e demanda da Xunta a aplicación do máximo rigor técnico

A representación do persoal denuncia que a dirección non achegou a documentación completa nin información sobre a carga de traballo real do grupo Isolux Corsán
O Comité de Elaborados Metálicos Emesa rexeita a presentación dun novo ERE de suspensión para a factoría de Coirós, sumando xa a cuarta regulación de emprego que a empresa pretende aplicar de xeito consecutivo. A proposta, anunciada o 31 de agosto, confirma o paulatino proceso de desmantelamento das instalacións que a representación do persoal vén denunciado dende que no ano 2009 se puxo en marcha o primeiro ERE.
Segundo as intencións da dirección de Emesa, que pertence ao grupo Isolux Corsán, o novo ERE estaría vixente dende o próximo 23 de setembro até o 31 de xaneiro de 2012, afectando a 93 traballadores/as dos actuais 163 empregados/as que forman o cadro de persoal da factoría. A empresa alega novamente causas produtivas, mais como vén sendo habitual a documentación achegada resulta incompleta e nela non se referencia a carga de traballo real que ten o Grupo Isolux no ramo do metal, nin se menciona a externalización dos traballos nin os lugares onde se realiza.

Esta información foi demanda en reiteradas ocasións polo Comité, pois, tal e como recoñece a Inspección de Traballo, a realidade produtiva, financeira e mesmo fiscal de Emesa haina que entender dentro do grupo empresarial. Non obstante, dende a Dirección evitan achegar calquera documentación a respecto da carga de traballo presenta e futura de Isolux, con presenza a nivel internacional.

O Comité de Empresa xa remitiu escritos á Inspección de Traballo e á Consellaría de Traballo e Benestar, demandando desta última que aplique o máximo rigor técnico e reclame á dirección de Emesa toda a documentación necesaria para poder dar por iniciado o período de consultas. Así mesmo, apelan á responsabilidade do Goberno galego para que evite afondar na crítica situación que os traballadores e traballadoras de Emesa padecen, pois a causa dos incumprimentos por parte da empresa nos acordos de rotación e na prolongación indefinida da suspensión de empregos, parte importante do cadro de persoal xa esgotou o seu dereito á prestación.

Neste senso, a representación do persoal denuncia a falta de interese amosada pola Consellaría de Traballo e a Consellaría de Industria dende a aplicación do primeiro ERE, e que a día de hoxe non contestou ás diversas solicitudes de xuntanzas cursadas polo Comité; a última a principios do mes de xullo. Así mesmo, censura o incumprimento dos compromisos acadados co Delegado do Goberno na Galiza o pasado mes de xuño, a respecto de revisar a documentación para aclarar a carga de traballo real de Isolux Corsán.

Nenhum comentário: