Os/as traballadores/as de Emesa inician as mobilizacións contra o cuarto ERE de suspensión

Concentráronse diante dos edificios da Xunta para demandar do Goberno galego que paralice o desmantelamento da factoría
O Comité de Elaborados Metálicos Emesa convocou dúas xornadas de mobilizacións esta semana para rexeitar a proposta do cuarto ERE de suspensión presentada pola dirección da empresa que, de ser autorizada, estaría vixente dende o próximo 23 de setembro até o 31 de xaneiro de 2012, afectando a 93 traballadores/as dos actuais 163 empregados/as que forman o cadro de persoal da factoría. A primeira destas protestas realizouse este xoves diante do edificio da Xunta na Coruña, onde o persoal da factoría reclamou da administración unha aposta firme pola defensa dos postos de traballo.
Coa protesta, o Comité de Emesa busca denunciar o mutismo da Consellaría de Traballo e da Consellaría de Industria ante o progresivo desmantelamento das instalacións de Coirós. O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, criticou que a administración galega está permitindo a empresa aplicar todo tipo de estratexias, sen esixirlle sequera a documentación completa para xustificar a prórroga do expediente de suspensión de empregos. “Nós o que pedimos á Xunta é que actúe con transparencia e rigor”, asegurou.

Rodríguez lembrou que dende o segundo ERE a representación do persoal vén demandando da dirección información veraz sobre a carga de traballo que o Grupo Isolux Corsán, ao que pertence Emesa, ten no ramo do metal. Sobre esta cuestión, recalcou que o grupo empresarial é un dos principais adxudicatarios de obra pública do Estado español e conta cunha importante carteira de pedidos a nivel internacional. “Non entendemos como a Xunta nos pode deixar neste estado de desprotección, permitindo que a moitos dos traballadores/as se lle esgote o paro e que vexan reducidas as súas prestacións”, lamentou.

Causas produtivas

Pola súa banda, a empresa alega novamente causas produtivas, mais como vén sendo habitual a documentación achegada resulta incompleta e nela non se referencia a carga de traballo real que ten o Grupo Isolux no ramo do metal, nin se menciona a externalización dos traballos nin os lugares onde se realiza. Esta información foi demanda en reiteradas ocasións polo Comité, pois, tal e como recoñece a Inspección de Traballo, a realidade produtiva, financeira e mesmo fiscal de Emesa haina que entender dentro do grupo empresarial.

Ademais, a dirección négase reiteradamente a incluír dentro das negociacións a garantía de mantemento de todos os postos de traballo durante o tempo de vixencia do 4º ERE. Para o Comité esta actitude demostra a intención da empresa de acometer novos despedimentos. Dende principios de 2009, o cadro de persoal de Emesa tense reducido de 300 traballadores/as aos actuais 162 empregados/as.

Novas protestas o venres

O venres 9, ás 11:00 horas, as protestas trasladaranse até as portas da Delegación do Goberno na Galiza. Sobre este punto, o Presidente do Comité lembrou que hai uns meses representantes do persoal mantiveron un encontro co Delegado do Goberno para interesalo na problemática que vive a factoría de Coirós e na procura de obter documentación sobre a carga real de traballo do Grupo Isolux. “Non obstante, a día de hoxe aínda non recibimos comunicación de ningún tipo. Reunímonos con el antes de que se resolvera o 3º ERE e está a punto de rematar cun novo expediente enriba da mesa, pero continuamos sen saber nada”.

Nenhum comentário: