Concentración dos/as traballadores/as de Emesa para demandar do Delegado do Goberno que cumpra cos compromisos adquiridos

O responsábel estatal solicitara documentación ao Comité co obxecto de esclarecer a carga real de traballo do Grupo Isolux Corsán
O persoal de Emesa trasladou as protestas na mañá deste venres até as potas da Delegación do Goberno na Galiza para demandar do responsábel deste organismo estatal, Miguel Cortizo, que cumpra cos compromisos adquiridos durante a xuntanza que ambas partes mantiveron o pasado mes de xuño.
Naquel encontro, lembraba o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, durante a concentración, o Delegado do Goberno comprometérase a revisar a documentación que ten o persoal co obxecto de esclarecer a carga de traballo real que ten o grupo Isolux Corsán no ramo do metal.

Para isto, explicou Rodríguez, “pediunos que lle entregásemos toda a documentación que ten o Comité sobre esta cuestión. Información que ao día seguinte tiña enriba da mesa. Non obstante, a día de hoxe aínda non recibimos comunicación de ningún tipo. Reunímonos con el antes de que se resolvera o 3º ERE e está a punto de rematar cun novo expediente enriba da mesa, mais continuamos sen saber nada”.

Rodríguez lembrou que dende o segundo ERE a representación do persoal vén demandando da dirección de Emesa información veraz sobre a carga de traballo que o Grupo Isolux Corsán, ao que pertence a factoría de Coirós, ten no ramo do metal. Sobre esta cuestión, recalcou que o grupo empresarial é un dos principais adxudicatarios de obra pública do Estado español e conta cunha importante carteira de pedidos a nivel internacional.

Durante a concentración, o Comité de Emesa volveu apelar á responsabilidade da Xunta de Galiza para que asuma un compromiso firme na defensa dos postos de traballo e poña freo ao proceso de desmantelamento da factoría de Coirós que a dirección está a pór en práctica.

Nenhum comentário: