O Comité de Emesa realizou un peche nas oficinas da Consellaría de Traballo en San Caetano

Conseguen o compromiso de que a titular do departamento autonómico se reunirá coa representación do persoal esta mesma semana
Membros do Comité de Elaborados Metálicos Emesa, acompañados por sindicalistas da CIG, realizaron este luns un peche nas oficinas da Consellaría de Traballo en San Caetano (Compostela), para reclamar unha reunión coa titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na que abordar a situación do persoal da factoría de Coirós ante a presentación do cuarto ERE de suspensión. Tras varias horas nas dependencias da administración galega, o Comité abandonaba o encerro logo de concretar unha xuntanza co Director de Relacións Laborais para este xoves e o compromiso de seren recibidos pola conselleira ao longo desta semana.
Hai meses que a parte social solicitou unha reunión con Beatriz Mato, pero a pesar do compromiso verbal acadado pola responsábel de Traballo e Benestar durante un breve encontro informal no Parlamento, o persoal aínda non recibira unha data confirmando dita xuntanza. Ante este desinterese, e tras da presentación do cuarto ERE de suspensión, o Comité acordou iniciar pouco despois das dez desta mañá unha acción de protesta no propio despacho da conselleira.

Tras varias negociacións e por volta das dúas da tarde, o Comité decidía abandonar a medida de presión, xa que acadaron o compromiso de que a conselleira se reunirá coa parte social esta mesma semana. Ademais, membros da Consellaría confirmaron á representación do persoal que o próximo xoves serán recibidos polo Director Xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá.

Dende o Comité reiteran á Consellaría a necesidade de apostar de xeito claro pola continuidade dos postos de traballo na factoría de Coirós, diante do progresivo desmantelamento das instalacións por parte da dirección de Emesa, quen, hai que lembrar, se nega sistematicamente a incluír nas negociacións a garantía do mantemento dos empregos.

Ademais, solicitan aos/ás responsábeis do departamento que apliquen o máximo rigor técnico á hora de analizar o expediente e reclamen á filial de Isolux Corsán toda a documentación precisa. Cómpre lembrar que no caso de autorizarse, esta sería a cuarta regulación consecutiva para os traballadores/as, sumando xa 26 meses nesta situación.

Durante este tempo, alén das perdas económicas nos seus salarios, parte dos empregados/as consumiron xa o dereito á prestación por desemprego, quedando nunha situación extrema. Por iso, dende o Comité, apélase novamente á responsabilidade da Consellaría neste conflito.

Nenhum comentário: