O Comité de Emesa lembra á conselleira de Traballo e ao titular de Industria o compromiso de manter unha reunión esta semana

A representación do persoal tivo un encontro esta mañá coa Subdirectora de Traballo e o Director Xeral de Relacións Laborais para abordar a situación na factoría de Coirós
O Comité de Elaborados Metálicos Emesa mantivo na mañá deste xoves un encontro co Director Xeral de Relacións Laborais e a Subdirectora Xeral de Traballo para avaliar a situación da factoría perante a presentación do cuarto ERE de suspensión. Porén, dende o Comité agárdase agora que a propia Conselleira de Traballo e o Conselleiro de Industria cumpran o compromiso adquirido e concreten unha data para recibir á representación do persoal.
Durante a reunión desta mañá, o Comité de Emesa repasou con Odilo Martiñá e María Coutinho a situación da empresa e dos traballadores/as dende a posta en marcha da primeira regulación e o progresivo desmantelamento das instalacións de Coirós. Neste senso, apuntaron á responsabilidade da Xunta neste proceso, xa que a Consellaría de Traballo é a encarga de autorizar ou denegar os EREs.

Así mesmo, explica Andrés Rodríguez, Presidente do Comité, a parte social reivindicou da administración que esixa á empresa o plan de viabilidade, información sobre a carga real de traballo do Grupo Isolux Corsán (ao que pertence Emesa) na rama do metal, tanto no estado como no resto dos países onde a compañía ten implantación, así como as externalizacións da carga de traballo que Isolux está a facer noutras empresas do sector. Esta documentación foi demanda en reiteradas ocasións polo persoal á dirección de Emesa, sen que até agora esta teña achegado datos verídicos.

Remate da vixencia do terceiro ERE

En canto á situación do emprego, Rodríguez recordou que mañá, venres 23 de setembro, remata a vixencia do terceiro ERE de suspensión, e a dirección xa convocou ao Comité para entregar a documentación que faltaba no expediente e reactivar o período de consultas para a cuarta regulación.

A este respecto, a representación do persoal entende que o novo ERE é unha fraude, posto que a intención da dirección non é dar viabilidade á empresa senón “irse desfacendo aos poucos dos traballadores/as”. De feito, denuncia o Comité, durante a suspensión (que de aprobarse tería unha vixencia de catro meses), a dirección de Emesa non garante o pleno emprego do actual cadro de persoal.

Así as cousas, o Comité agarda que tanto Beatriz Mato como Javier Guerra cumpran o compromiso adquirido o pasado luns de manter, esta mesma semana, unha reunión coa parte social. “Nós xa cumprimos a nosa parte e acudimos á reunión na Dirección Xeral de Relacións Laborais, aínda que solicitamos o encontro coa conselleira de Traballo e o conselleiro de Industria, así que esperamos que eles tamén asuman o seu compromiso”, aseverou Rodríguez.

Nenhum comentário: