O Comité de Emesa rexeita os 14 despedimentos comunicados pola dirección e reclama á Xunta que paralice esta medida

A representación do persoal reclama á conselleira de Traballo que concrete a data da xuntanza comprometida xa para a pasada semana
O Comité de Elaborados Metálicos Emesa rexeita os despedimentos comunicados esta mañá pola dirección a 14 traballadores da factoría de Coirós e vén de remitir un escrito ao Director Xeral de Relacións Laborais reclamando que paralice de inmediato esta medida e impida a empresa adoptar novas decisións desta índole. Os despedimentos, para os que a dirección alega causas organizativas e produtivas, teñen un carácter inmediato.
O Comité lembra que a empresa está a tramitar nestes momentos o cuarto ERE de suspensión, polo que executar despedimentos deixaría sen eficacia o resultado de calquera procedemento que a Consellaría de Traballo e Benestar puidese tomar en relación ao expediente presentado.

Neste senso, dende a representación do persoal destacan que o propio Estatuto dos Traballadores/as recoñece, no seu artigo 51.3, a capacidade da autoridade laboral para paralizar todas as medidas adoptadas pola empresa que poidan afectar á eficacia dos pronunciamentos da administración a respecto do ERE.

A comunicación destes 14 despedimentos, que veñen sumarse aos case 150 empregos destruídos nos últimos dous anos en Emesa, demostra ás claras que a intención da dirección da filial do Grupo Isolux Corsán non é outra que desmantelar a factoría de Coirós. De feito, o pasado venres a empresa entregou ao Comité nova documentación que nada ten a ver sobre a información esixida a respecto da carga de traballo real do Grupo no ramo do metal. Así mesmo, os traballadores/as continúan sen coñecer o volume de externalizacións da carga de traballo que Isolux está a facer noutras empresas do sector nin lles foi presentado o plan de viabilidade que debe acompañar á documentación do ERE.

Dende o Comité apélase á responsabilidade da administración galega ante as graves consecuencias desta nova deriva na situación de Emesa, polo que urxe á Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a fixar a data da reunión comprometida xa para a pasada semana. A representación dos traballadores/as entende que a Xunta de Galiza non pode continuar ignorando a súa responsabilidade neste conflito e debe aplicar todos os mecanismos oportunos na defensa dos empregos.

Nenhum comentário: