Impídenlles a representantes dos traballadores/as de EMESA entregar un escrito á secretaria da conselleira de Traballo

Concentráronse diante da consellaría, en Compostela, para exixir a Beatriz Mato que cumpra co seu compromiso e se reúna, de forma urxente, co comité de empresa
Traballadores de EMESA e representantes da CIG concentrábanse esta mañá diante da consellaría de Traballo, en San Caetano (Compostela), para demandar unha reunión urxente coa conselleira, Beatriz Mato. Os representantes dos traballadores non puideron facer entrega dun escrito dirixido á conselleira no que se solicitaba que se fixara de inmediato data e hora para celebrar esta xuntanza ao negárenlles achegarse sequera ao despacho da súa secretaria.
Esta xuntanza foi comprometida pola propia titular de Traballo hai máis de unha semana. Porén, aínda seguen agardando a que a administración decida cando se celebra, malia os despedimentos ter sido comunicados o pasado luns pola dirección da empresa, en pleno proceso de negociación do cuarto expediente de suspensión.

O Comité de EMESA xa manifestou que rexeita os despedimentos comunicados pola dirección –que alega causas organizativas e produtivas- a 14 traballadores da factoría de Coirós e reclamou, por escrito, da Dirección Xeral de Relacións Laborais que paralice de inmediato esta medida e impida á empresa adoptar novas decisións desta índole.

Elaborados Metálicos EMESA está a tramitar neste intre o cuarto ERE de suspensión. Para o Comité, executar despedimentos deixaría sen eficacia o resultado de calquera procedemento que a consellaría de Traballo puidese tomar en relación ao expediente presentado. Lembran que a autoridade laboral ten capacidade para paralizar todas as medidas adoptadas pola empresa que poidan afectar á eficacia dos pronunciamentos da administración a respecto do ERE.

EREs sucesivos

EMESA leva en situación de Regulación de emprego desde novembro de 2009 até a actualidade. Durante este tempo os traballadores/as afrontaron un 1º ERE temporal desde o mes de novembro de 2009 até o mes de xullo de 2010, un 2º ERE temporal do mes desde xullo de 2010 até abril de 2011, un 3º ERE temporal desde ese mes até setembro, xunto cun ERE de extinción de empregos que afectou a 86 traballadores e traballadoras.

Durante este período, o persoal de EMESA, alén das perdas económicas nos seus salarios, perdeu a súa prestación por desemprego, abocándoos a unha situación extrema, ao non ser chamados a traballar de forma continuada.

Neste mes (setembro) a dirección de Elaborados Metálicos EMESA propuxo un novo ERE temporal para 93 traballadores/as, que se prolongaría até o 31 de xaneiro de 2012, facendo que o cadro de persoal de EMESA chegue aos 26 meses seguidos de regulación de emprego. Todo isto co despedimento, o 26 de setembro, de 14 traballadores máis.

Desde a presentación do 1º ERE, a dirección de ISOLUX Corsán, grupo ao que pertence EMESA negouse reiteradamente a entregar documentación sobre a carga real de traballo que este grupo ten para poder ser realizada en EMESA ou un plan de futuro para a mesma, así como se negou a presentarse en EMESA para falar directamente cos traballadores/as para solucionar, ou mesmo negociar, propostas diferentes ás presentadas pola dirección da empresa.

A CIG denuncia que as administracións públicas fixeron caso omiso das reivindicacións dos traballadores/as de Emesa, que solicitaron en reiteradas ocasións, desde que se presentou o primeiro ERE, entrevistas coa conselleira de Traballo ou co conselleiro de Economía.

Tras pecharse nas dependencias da consellaría, o pasado 19 de setembro, conseguiron que Mato se comprometera a recibilos no decurso da semana para celebrar unha xuntanza que aínda non se produciu. Hoxe, impedíuselles mesmo achegarse á súa secretaria para entregar o escrito no que urxían á celebración desta reunión.

Nenhum comentário: