A documentación entregada pola empresa ao Comité non dá resposta a estas cuestións, razón pola que a representación do persoal remitiu un novo escrito á Consellaría o venres 23 de setembro, solicitando o arquivo do expediente de suspensión de empregos. Non obstante, agora a administración galega dá por cumprido o requirimento co mero feito da empresa achegar datos, sen comprobar a súa validez e actuando contra os seus propios actos.
Con esta decisión, a Xunta incumpre o compromiso adquirido polo Director Xeral de Relacións Laborais ante os traballadores o pasado xoves 22 de setembro, e ante a Cámara galega, asegurando que a Consellaría actuaría con todo o rigor e non admitiría o ERE se Emesa non presentaba toda a documentación legalmente demandada.
Así mesmo, o Comité de Empresa tivo coñecemento que a Xunta non ten intención de responder á petición trasladada pola parte social solicitando que deixe sen efecto os despedimentos comunicados pola dirección. Unha vez máis, a Consellaría de Traballo desinhíbese das súas responsabilidades, incumpre o rigor esixido pola Lei, e deixa sen aplicar a normativa recollida no Estatuto do Traballadores que lle obriga á autoridade laboral, á Consellaría de Traballo a paralizar calquera actuación do empresariado que puidesen facer ineficaz os pronunciamentos administrativos a respecto do expediente.
Este desinterese da Xunta deixa nunha situación de total indefensión aos traballadores e traballadoras de Emesa, permitindo ao Grupo Isolux Corsán avanzar no proceso de desmantelamento da factoría e na destrución de máis de 150 empregos na comarca.
Ademais dende o Comité denunciaron novamente a falta de resposta por parte da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que máis dunha semana despois de adquirir o compromiso de reunirse co Comité aínda non ten concretado unha data para tal xuntanza.
Extraido de Avantar
Nenhum comentário:
Postar um comentário