A CIG denuncia que a absorción do Pastor polo Popular afondará na centralización do poder político, económico e financeiro

Responsabiliza ao BE e ao Ministerio de Economía de deixar a Galiza sen instrumentos financeiros para xestionar os recursos dos galegos/as desde unha óptica de país 

Á espera dunha confirmación oficial por parte da dirección do Banco Pastor, que a CIG intentou obter hoxe sen éxito, e malia onte non recibir ningunha información ao respecto na xuntanza mantida entre as organizacións sindicais e a dirección da entidade, a Confederación Intersindical Galega valora a posíbel absorción ou compra do Banco Pastor por parte do Grupo Popular como unha noticia negativa para Galiza.
10-03-26 Concentración Fundación Barrie

1º A CIG considera que isto é froito da política emprendida polo Banco de España e o Ministerio de Economía tendente a eliminación e desaparición da pequenas e medianas entidades financeiras coa fin de producir unha concentración no sector.

2º O Banco de España teima en que o tamaño das entidades é fundamental sen ter en conta que o máis importante é garantir unha boa xestión e unha situación saneada, máis alá do seu tamaño.

3º Estase a producir unha concentración e centralización do poder político, económico e financeiro na que Galiza está perdendo peso e capacidade de decisión o cal lastrará cara o futuro a posíbel saída desta crise económica ao prescindir de entidades que permitirían xestionar os recursos dos galegos e galegas desde unha óptica de país.

4º Por parte da CIG estaremos especialmente vixilantes  e atentos ás consecuencias laborais que este proceso de fusión poida orixinar, nomeadamente nos servizos centrais na cidade da Coruña. Se até o de agora A Coruña era a capital financeira de Galiza, coa desaparición dos servizos centrais do Banco Gallego, froito dun ERE, o proceso de concentración das caixas de aforros e agora a posíbel desaparición dos servizos centrais do Banco Pastor se se dá a absorción por parte do Grupo Popular, convertería a esta cidade nun erial do punto de vista do emprego no sector financeiro.

5º En todo caso, a CIG entende que é precisa unha implicación do Goberno galego para que as consecuencias, do punto de vista laboral, sexan as mínimas posíbeis, insistindo, sobre todo, en que a cidade da Coruña manteña servizos centrais das distintas entidades financeiras, neste caso concreto do Banco Pastor.
Extraido de Avantar

Nenhum comentário: