Danse os primeiros pasos para a constitución da futura federación de Industria na CIG

Agárdase que o proceso culmine no primeiro semestre de 2012 coa unificación definitiva das federacións de Metal e de Químicas 
 
As executivas das federacións de Metal e de Químicas da CIG comezaron a manter xuntanzas a nivel nacional para elaborar o calendario e desenvolver os traballos necesarios para facilitar o proceso de unificación, que se prevé que conclúa no primeiro semestre de 2012. Deste xeito dáse cumprimento aos acordos acadados nos respectivos congresos, nos que se marcou como un dos obxectivos dar os pasos necesarios para confluír nunha única federación que pasaría a denominarse federación de Industria.
Estas xuntanzas, que se están a celebrar a nivel nacional, vanse reproducir tamén a nivel comarcal coa idea de preparar toda a documentación necesaria e deseñar un calendario que concluirá coa definitiva unificación.
Polo momento xa se comezou a planificar de forma conxunta a estratexia en materia de acción sindical, negociación colectiva e eleccións sindicais.
A futura federación de Industria terá unha forte implantación en todas as comarcas, cunha afiliación que supera os 17.000 afiliados/as. Deste xeito a CIG pretende facilitar o traballo para incrementar a súa eficacia en sectores de actividade nos que, até o de agora, se estaba a traballar por separado.

Extraido da web da CIG Metal

Nenhum comentário: