A CIG apostará por convenios de ámbito galego e por prohibir que se rebaixen as condicións laborais nos de empresa

Os delegados/as da central sindical manifestan o seu máis absoluto rexeitamento á reforma da negociación colectiva por favorecer a precarización das condicións laborais
Máis de 200 delegados/as da CIG participaron na mañá deste xoves, día 6 de outubro, no “Encontro Nacional de Negociación Colectiva”. Unha xornada de traballo na que se analizaron as graves repercusións que, para as traballadoras/es, terán as mudanzas introducidas na lexislación laboral a través das últimas reformas aprobadas polo goberno español e na que se debateu a estratexia da central sindical de cara ao proceso de negociación colectiva do vindeiro ano. O secretario xeral, Suso Seixo, que pechou o acto, avanzou que a CIG pulará por convenios de ámbito galego, nos que se prohiba expresamente asinar outros de empresa que rebaixen as condicións laborais e salariais dos traballadores/as do mesmo sector.

No encontro fíxose una valoración moi negativa dunha reforma –a da negociación colectiva- que o que pretende é “dar prevalencia aos convenios de empresa fronte aos de sector, para que estas poidan pactar condicións laborais por debaixo”, explicou Seixo, quen afirmou que, na práctica, supón “deteriorar as condicións laborais e económicas dos traballadores e traballadoras ao establecer un marco de negociación á baixa  que provocará a perda das melloras acadadas”.

O secretario xeral da CIG considera que o que se busca é dividir aos traballadores/as e debilitar a súa capacidade de organización e resposta.

Para combater esta situación, dixo, a CIG “seguirá dando a batalla por conseguir a prevalencia de convenios provinciais de sector”, mantendo os actuais mentres non se asinen convenios de ámbito galego; intentará “negociar convenios, en toda Galiza, a partir dos que se articulen convenios de ámbito galego, en todos os sectores, nos que se prohiban expresamente convenios de empresa con condicións inferiores a estes, aos provinciais que estean vixentes e aos sectoriais”.
Mudanzas legais

Os encargados de explicar as mudanzas legais introducidas nas últimas reformas foron os avogados Héctor López de Castro e Luís Burgos.

López de Castro sinalou que todas as modificacións van na liña de liberalizar as relacións laborais, “baseándose en preconceitos como que abaratar o despedimento favorece a contratación, cando a experiencia demostra que é todo o contrario, ou que apostar por contratos temporais e a media xornada posibilitan a creación de emprego”.

Lembrou que con todas estas reformas apenas queda nada xa do que se estabelecía no Estatuto dos Traballadores aprobado en 1980 e que para introducir os cambios lexislativos que veñen de aprobarse, aproveitouse o contexto de profunda crise económica que atravesamos, porque noutras circunstancias, dixo, “sería impensábel abordalos e terían provocado una grande resposta social”. Pero, advertiu, “non son reformas pensadas para afrontar a crise, senón para mantelas despois”.

Destes, salientou os cambios en materia de contratos: a redución das indemnizacións por despedimento; a introdución dun contrato indefinido no que se estabelecen condicións semellantes ás dos contratos en precario; no que se amplían as causas que se recoñecen como obxectivas para despedir e no que o despedimento é moito máis barato e, ademais, subvencionado. Un contrato indefinido que se equipara, en síntese, ao temporal, canto a custos empresariais se refire.

En diante, as empresas poderán alegar causas económicas imprecisas, como posíbeis perdas futuras, para xustificar un despedimento. A empresa tampouco terá que probalo se alega causas técnicas, organizativas ou de produción.

Deste xeito, afirmou, facilítase que as empresas gañen no xulgado e que saia moitísimo máis barato despedir. Até tal punto que “un contrato temporal en fraude de lei está agora máis protexido que un contrato indefinido”.

Respecto do contrato de Fomento da contratación indefinida, salientou que, ademais de estar subvencionado e abranguer a practicamente calquera traballador/a, permite despedir, sen motivo, e cunha indemnización de 33 días.

A nova lexislación tamén permite aplicar un salario inferior ao convenio sectorial e mesmo reducir a xornada laboral.
Diálogo social

O avogado e representante da CIG no CES, Luís Burgos, sinalou que estas son as consecuencias dun modelo de diálogo social que “non serve en época de bonanza e menos en época de crise, cando se impoñen os cambios por decreto”.

Para Burgos, o dereito social retírase e individualízanse as relacións contractuais. “O dereito laboral xa non serve ao traballador”, dixo, concluíndo que o que estabelece é “un marco de negociación favorábel ao empresario”.

De feito, insistiu, na empresa estabelécese “a lei da selva” ao eliminar o “chan mínimo” que antes existía. “Preténdese minar así a práctica sindical e ás organizacións sindicais” afirmou, augurando que ante este contexto os empresarios “seguirán potenciando a CCOO e UGT como sindicatos representativos para garantir un marco de actuación favorábel”.

Coincidindo con López de Castro, insistiu en que non se trata de reformas pensadas para saír da crise, senón de reformas “que favorezan un modelo de relacións laborais no que teña o maior peso o empresariado”.
Abordar a negociación colectiva

E se o panorama descrito xa non era nada esperanzador, o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, Antolín Alcántara, alertou do que se pode atopar a clase traballadora tras das eleccións do 20-N nas que, segundo todos os prognósticos, o PP acadará unha ampla maioría absoluta. “As grandes multinacionais seguen reclamando que se vaia aínda máis alá, porque non lles parece que isto sexa abondo para asegurar que o dominio da empresa é prevalente”. Reclamacións que Alcántara considera que o goberno saínte, presidido por Rajoy, atenderá xa nos primeiros meses de mandato.

O secretario confederal de Negociación Colectiva lembrou que grazas ás mobilizacións promovidas pola CIG en 2009 -14 folgas provinciais de sector- conseguiuse un incremento salarial do 5,5%. “Iso é o que quere a patronal evitar e esta reforma trata da descompoñer ese ámbito e debilitalo”.

Denunciou os acordos interconfederais de negociación colectiva asinados por CCOO e UGT, xunto coa patronal. Acordos onde se limitan os incrementos salariais, quedando mesmo por debaixo do IPC. “Para este ano pactaran un incremento do 2,5. Un acordo que agora á patronal xa non lle vale”.

Alcántara sinalou que a prevalencia dos convenios de empresa afectan, sobre todo, aos traballadores das pequenas e medianas empresas, porque estas poderán mudar todo o relativo a salario, xornada, horario e tempo de traballo, réxime de traballo a quendas, calendario de vacacións e mesmo en materia de conciliación. “A non ser que o convenio a nivel estatal ou autonómico determine que non se poden mudar certos aspectos”.

Diante desta nova situación explicou que o traballo sindical terá que dirixirse cara a provocar un novo escenario, “fortalecendo o ámbito galego, limitando os convenios de empresa e dándolle continuidade aos convenios provinciais”.

Extraido de Avantar

Nenhum comentário: