Os traballadores/as do naval continúan polas rúa de Fene as mobilizacións masivas en demanda do dique flotante

Miles de traballadores/as de Navantia e das empresas auxiliares volveron saír ás rúas este mércores 5 de outubro para reclamar das administracións un compromiso real que permita botar a andar a construción do novo dique flotante e para demandar carga de traballo para o sector naval da ría de Ferrol. Esta xornada protesta desenvolveuse dende o estaleiro do Perlío até o Concello de Fene, onde unha representación dos traballadores/as presentou ao rexedor local as reivindicacións do colectivo.

Nesta ocasión, e seguindo o calendario de mobilizacións acordado, os traballadores e as traballadoras da empresa principal en Ferrol e da industria auxiliar trasladáronse en autobús até a outra beira da ría para xuntarse co persoal do estaleiro do Perlío, de onde  saíron, logo das dez da mañá, en manifestación cara ás portas do Concello de Fene.

Ao igual que aconteceu a pasada semana, unha representación do persoal accedeu ao interior da casa consistorial para manter un encontro do alcalde de Fene, Gumersindo Galego, do Partido Popular, ao que trasladaron as súas reivindicacións e ao que demandaron que poña en marcha todos os mecanismos que estean na súa man para esixir a construción do novo dique flotante.

A este respecto, un dos voceiros da CIG de Ferrol e membro da sección sindical da CIG en Navantia, Manel Grandal, criticou o desinterese amosado pola Consellaría de Industria ante os problemas do naval, pois aínda non contestou á solicitude cursada pola representación dos traballadores/as o pasado mes de xuño para manter unha reunión.

Esta infraestrutura, lembran dende a CIG de Ferrol, permitiría paliar de xeito inmediato o problema da falta de carga de traballo nos estaleiros (xa que daría ocupación durante algo máis de dous anos) e a longo prazo posibilitaría aos estaleiros da ría de Ferrol estar presente no mercado de reparación de buques ao máximo nivel de competitividade. Neste senso, subliñan que este sector de reparacións e carenas ten unha gran demanda na actualidade e preséntase como un negocio capaz de garantir viabilidade ás instalacións de Fene e Ferrol.

Neste contexto, Grandal lanzou unha chamada de atención ao goberno galego e estatal sobre a necesidade de centrar esforzos nun sector clave para a comarca, do que dependen 17.000 empregos. “Aquí non existen alternativas económicas”, advertiu, “o naval é a única industria que está amortecendo a caída do emprego; a xente nova que traballa está indo para o naval, incluso os traballadores/as que proceden de servizos ou construción”.

Non obstante, dende a Sección Sindical da CIG en Navantia teñen subliñado en numerosas ocasións que a non construción do dique flotante deixaría fóra deste mercado aos estaleiros ferroláns, xa que o actual dique carece de capacidade suficiente para atender aos buques de maior tamaño; minguando deste xeito as posibilidades de futuro para o sector.
As protestas trasládanse até Compostela

O calendario de mobilizacións acordado polas asembleas de traballadores/as continuará o vindeiro 19 de outubro cunha protesta polas rúas de Compostela. Ademais, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG teñen convocada unha gran manifestación o domingo 6 de novembro en defensa do emprego e do sector naval. A marcha partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño baixo o lema “Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa”.

Extraido de Avantar

Nenhum comentário: