A CIG-Metal mobilízase para exixir da Xunta e do goberno estatal solucións inmediatas para salvar o sector naval galego


A manifestación percorreu as rúas de Compostela, desde a Alameda até o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Delegados e delegadas da CIG do sector naval das comarcas de Ferrol e Vigo manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela para reclamarlle aos gobernos español e galego a súa inmediata intervención para que o sector poida superar a grave crise que padece. A central sindical demanda que Facenda e a Seguridade Social apracen o cobro das débedas contraídas pola industria auxiliar e que se articulen novos sistemas que faciliten o crédito.



A manifestación partía pasadas as 11:00 horas da Alameda compostelá para rematar en San Caetano, onde o secretario nacional de CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas, desmentía que “non é verdade que no sector naval haxa unha merma progresiva na carga de traballo, senón unha redución drástica nos encargos actuais, unha falla total de financiamento por parte das entidades de crédito e unhas administracións cun pasotismo total”.

Bouzas alertou que dada a actual situación, o sector corre perigo de desaparecer, xerando “máis desemprego e máis miseria industrial” e denunciou os intentos do conselleiro de Industria de desmobilizar co pretexto de que meter máis ruído no sector pode “trasladar os competidores internacionais máis problemática”. Con esta posición, o secretario nacional de CIG-Metal entende que o que se pretende é “deixalo morrer sen que se entere ninguén”.

A Xunta de Galiza intenta desentenderse

Xunto a isto, denunciou que a Xunta de Galiza non ten ningunha política para o sector, nin un modelo alternativo e que se limita a xustificarse alegando que non ten competencias. “A Xunta debe ser garante de que se fagan políticas que incentiven o sector naval para conseguir carga de traballo, garantir as melloras fiscais que sexan necesarias para que o fagan competitivo, como se ten dado noutros países europeos que si aplican medidas fiscais e os seus gobernos se converten en garantes do futuro logrando contratos para o sector”.

Abandono do goberno do PSOE

Do mesmo xeito, denunciou o papel que están xogando o socialista Miguel Sebastián, Ministro de Industria, “que recomendou falar pouco do tax lease, para que o expediente aberto polo comisario europeo da competencia, tamén do PSOE, Joaquín Almunia, e que afecta o sector naval se resolva o antes posíbel”.

Bouzas foi contundente a este respecto afirmando que “o goberno do Estado xa hai tempo que abandonou o sector naval galego, desde a prohibición da construción naval civil, no caso de Navantia Ferrol, até o desvío de carga de traballo a outros estaleiros doutras zonas do Estado”.

Fronte esta actuación, demandou que “estea á altura das circunstancias e exixa a Bruxelas as bonificacións fiscais que o sector necesita, o tax lease anterior ofrecía un desconto superior o 30%”.

En representación da CIG-Metal fixo un chamamento á patronal para que asuman as súas responsabilidades “xa que eles, coas súas actitudes, tamén puxeron en grave risco o sector, tanto na construción como na reparación naval”.

Alternativas da CIG

Xoán Xosé Bouzas presentou ademais toda unha serie de medidas alternativas, entre as que sinalou unha política comercial de acordo coa normativa estatal e comunitaria que ten que desenvolver o goberno español, cunha política máis agresiva á hora de negociar con outros países as novas contratacións militares ou civís e unha maior implicación política para os contratos con armadores ou navieiras para contratos de reparación.

A creación dos centros de reparación nas rías de Vigo e Ferrol, xunto coa construción dun dique flotante na ría de Ferrol e a exixencia do levantamento do veto a Navantia Ferrol.

Políticas de apoio ás empresas asentadas no sector para lograr mellorar a xestión e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos; a creación do Fondo Patrimonial de Garantías a nivel galego e plans de asentamento para os traballadores do sector, alén de medidas que eviten os despedimentos, neste período, con apoio ás empresas que se vexan abocadas á presentación de EREs.

“Hai alternativas”, asegurou Bouzas, “só fai falla vontade política para pórlle prazos e levalas a cabo”, rematou, facendo un chamamento a toda a sociedade para que manifeste o seu apoio e defenda a un sector “estratéxico para Galiza, para que volva ter capacidade e carga de traballo”.

Extraido de CIG Metal
Accede a Galería de imaxes fai CLIC AQUÍ

Nenhum comentário: