A CIG manifestarase o 23 de outubro en defensa do emprego e dos servizos públicos

Paulo Carril e Suso Seixo na Asemblea de Delegados.
Delegados e delegadas da CIG do sector naval das comarcas de Ferrol e Vigo manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela para reclamarlle aos gobernos español e galego a súa inmediata intervención para que o sector poida superar a grave crise que padece. A central sindical demanda que Facenda e a Seguridade Social apracen o cobro das débedas contraídas pola industria auxiliar e que se articulen novos sistemas que faciliten o crédito.

A manifestación partía pasadas as 11:00 horas da Alameda compostelá para rematar en San Caetano, onde o secretario nacional de CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas, desmentía que “non é verdade que no sector naval haxa unha merma progresiva na carga de traballo, senón unha redución drástica nos encargos actuais, unha falla total de financiamento por parte das entidades de crédito e unhas administracións cun pasotismo total”.

Bouzas alertou que dada a actual situación, o sector corre perigo de desaparecer, xerando “máis desemprego e máis miseria industrial” e denunciou os intentos do conselleiro de Industria de desmobilizar co pretexto de que meter máis ruído no sector pode “trasladar os competidores internacionais máis problemática”. Con esta posición, o secretario nacional de CIG-Metal entende que o que se pretende é “deixalo morrer sen que se entere ninguén”.

A Xunta de Galiza intenta desentenderse

Xunto a isto, denunciou que a Xunta de Galiza non ten ningunha política para o sector, nin un modelo alternativo e que se limita a xustificarse alegando que non ten competencias. “A Xunta debe ser garante de que se fagan políticas que incentiven o sector naval para conseguir carga de traballo, garantir as melloras fiscais que sexan necesarias para que o fagan competitivo, como se ten dado noutros países europeos que si aplican medidas fiscais e os seus gobernos se converten en garantes do futuro logrando contratos para o sector”.

Abandono do goberno do PSOE

Do mesmo xeito, denunciou o papel que están xogando o socialista Miguel Sebastián, Ministro de Industria, “que recomendou falar pouco do tax lease, para que o expediente aberto polo comisario europeo da competencia, tamén do PSOE, Joaquín Almunia, e que afecta o sector naval se resolva o antes posíbel”.

Bouzas foi contundente a este respecto afirmando que “o goberno do Estado xa hai tempo que abandonou o sector naval galego, desde a prohibición da construción naval civil, no caso de Navantia Ferrol, até o desvío de carga de traballo a outros estaleiros doutras zonas do Estado”.

Fronte esta actuación, demandou que “estea á altura das circunstancias e exixa a Bruxelas as bonificacións fiscais que o sector necesita, o tax lease anterior ofrecía un desconto superior o 30%”.

En representación da CIG-Metal fixo un chamamento á patronal para que asuman as súas responsabilidades “xa que eles, coas súas actitudes, tamén puxeron en grave risco o sector, tanto na construción como na reparación naval”.

A central reitera que é o modelo capitalista o que está en crise e reclama a aplicación de políticas alternativas que permitan encetar un novo modelo económico e social
A CIG presentou esta mañá en rolda de prensa a campaña “Si, existen alternativas! En defensa do emprego e dos servizos públicos” que rematará neste primeira fase cunha manifestación nacional o vindeiro 23 de outubro en Compostela. Con esta campaña á central sindical pretende enfrontar a falsa idea de que a única saída á crise pasa polos recortes sociais e laborais, pondo en valor que hai outras políticas posíbeis, mais que requiren rachar co modelo capitalista neoliberal.

Con esta nova campaña, explicou o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, e a Secretaria Nacional de Muller, Margarida Corral, a central nacionalista dá continuidade ás mobilizacións realizadas no verán en defensa do emprego e contra os recortes nos servizos públicos; recortes que teñen incidencia importante na calidade dos servizos, mais tamén no emprego, pois a través destes retallos estase a destruír unha cantidade importante de postos de traballo.

Aínda que a campaña nace coa idea de ter continuidade no tempo, a primeira etapa rematará o vindeiro domingo 23 de outubro cunha manifestación nacional en Compostela aberta á participación de toda a cidadanía. A marcha, que sairá da Alameda ás 12:30 horas, estará precedida de asembleas de delegados e delegadas da CIG en todas as comarcas, celebrándose a primeira delas este mesmo mércores na Coruña. “Dende a CIG queremos desmontar as falsidades utilizadas para aplicar as políticas de recortes e propor á cidadanía que existen alternativas, pero hainas que enmarcar dentro dun modelo económico e social distinto ao capitalista neoliberal”, resumía Suso Seixo ao inicio da rolda.

Alternativas aos recortes

Dende o inicio da crise económica, a CIG veu alertando que as medidas sociais e laborais adoptadas non ían axudar á saír da situación de recesión e facilitar a creación de emprego, senón que o seu efecto sería contrario, posto que non inciden nas verdadeiras causas da crise. Unha crise financeira na súa orixe e vinculada a unha economía especulativa argallada á marxe da economía real e na que apenas ten peso o sector produtivo.

Neste senso, Seixo criticou que dende o estoupido da crise os estados teñan inxectando enormes recursos públicos á banca, primeiro con achegas directas para a súa recapitalización, e agora permitindo a especulación coa débeda pública, que ten deixado ao borde da quebra a moitos estados. “Os problemas coa débeda pública remataríanse cunha medida tan sinxela como que o Banco Central Europeo comprase á débeda aos estados”, sinalou Seixo, quen criticou que os gobernos europeos e o BCE eviten enfrontar unha decisión deste calado.

O Secretario Xeral da CIG puntualizou que os problemas económicos que poida ter a banca son coa débeda privada e non coa pública. No caso do estado español, a débeda pública representa o 65% do PIB mentres que a privada representa o 217% do PIB. “Se os recursos que se destinan á recapitalizar á banca privada se destinasen á crear unha Banca Pública hoxe as medianas e pequenas empresas, así como as familias, terían a posibilidade de acceder ao crédito e estaríamos nunha situación económica e en materia de emprego totalmente distinta”, aseverou.

Encetando con esta problemática, Seixo cuestionou as medidas aplicadas polos gobernos para reducir o déficit público, medidas todas elas baseadas en recortes do gasto público e a conseguinte perda de calidade dos servizos e do emprego. Pola contra, a CIG propón atallar esta cuestión pola vía contraria: equilibrar os orzamentos incrementando os ingresos.

“Isto supón falar dun cambio na política fiscal, incrementar os impostos á banca, ás rendas máis altas e ás grandes fortunas, recuperar o imposto de patrimonio e sucesións, rematar coa fraude fiscal e cos paraísos fiscais, etc.. Segundo os datos dos inspectores de Facenda, a fraude fiscal no Estado español sitúase nos 66.000 millóns de euros, fraude que nun 71% está cometida pola banca e as grandes empresas”, puntualizou.

A importancia do voto

“Existen políticas alternativas, o que realmente está en crise é este modelo capitalista neoliberal, mais esta cuestión non se quere abordar”, matizou. Ante isto, o Secretario Xeral da CIG adiantou que as eleccións que se celebrarán o 20 de novembro non solucionarán a crise e mesmo advertiu que no caso dunha maioría absoluta do PP, a situación agravarase de xeito considerábel, xa que seus son os principios deste modelo.

Fronte a isto, Seixo animou a cidadanía a participar activamente co seu voto o día das eleccións, co obxecto de conseguir que mude a correlación de forzas no Congreso a favor daquelas organizacións políticas que durante este tempo estiveron opóndose á batería de medidas antisociais e aos recortes e que defenden un modelo económico e social alternativo.
Extraido de Avantar

Nenhum comentário: