Milleiros de persoas mobilízanse por todo o país en contra dos recortes e da privatización da sanidade pública

Miles de persoas participaron este xoves nas mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública nas distintas áreas sanitarias para amosar o seu rexeitamento á política de recortes aplicada pola Xunta de Galiza nos servizos sanitarios públicos. Coas concentracións, manifestacións e actos realizados esta tarde quérense denunciar os recortes nos orzamentos destinados á sanidade pública, “cun financiamento cada vez máis miserento e que vai camiño da indixencia, como paso previo á súa privatización”.


Con estas mobilizacións simultáneas preténdese trasladar ao Goberno galego “o clamor dos cidadáns/ás e profesionais en apoio dun sistema sanitario de calidade, eficiente e accesíbel como o que gozamos e que é absolutamente sostíbel”. Dende a Plataforma, da que forma parte a CIG, advírtese que o actual modelo organizativo e funcional da sanidade pública está en risco real de deterioración e privatización pola política practicada pola Xunta de Galiza, destinada a cambiar o actual modelo sanitario baseado na universalidade das prestacións, o acceso en condicións de igualdade, a gratuidade das consultas e a calidade das prestacións, financiadas con recursos públicos.

A este respecto, a SOS Sanidade Pública lembra que por terceiro ano consecutivo os orzamentos consignados pola Xunta para o mantemento do sistema sanitario volven descender. Nesta ocasión, cunha rebaixa de 16 millóns de euros. Porén, medra o gasto en concertos sanitarios co sector privado que pasa de 204 a 207 millóns de euros.

Os capítulos de gasto que máis descenden son os de persoal (que se mantén nas cifras de hai catro anos, o que supón unha brutal perda de capacidade adquisitiva dos sanitarios e a paralización de creación de novas prazas) e dos investimentos (reduciuse en 6 millóns de euros respecto ao 2011 e a 92 respecto ao 2009) cos que se financian novos centros e o equipamento sanitario.

A redución de investimentos supón a paralización un ano máis da construción do Novo Hospital de Vigo (que reducirá as súas camas de 1.490 a 900), do Hospital Único de Pontevedra ampliando Montecelo, e dos plans Directorios de mellora e ampliación dos Hospitais de Ourense, Santiago e A Coruña, así como as obras de mellora noutros 9 centros. Ademais, paralizáronse os plans para construír 66 novos Centros de Saúde e as obras para mellorar e ampliar outros 22.

“Con todo, matiza a Plataforma, é a Atención Primaria a que máis recortes sofre, a pesar dos seus problemas de masificación (o 40% das cotas teñen máis de 1.500 cartillas por médico ou enfermeira), escaso tempo e de capacidade resolutiva”. De feito, este ano o orzamento de Atención Primaria baixou nun 1,6%, “o que supón un descenso acumulado do 13,6% nos últimos tres anos”.

“A crise económica está sendo utilizada pola Xunta para introducir importantes recortes económicos no orzamento sanitarios (máis de 200 millóns de euros) e nos servizos sanitarios públicos como no caso da paralización da actividade dos hospitais pola tarde, a desviación de pacientes a centros privados, o abandono do Plan de Mellora da Atención Primaria, o desmantelamento das Áreas sanitarias, o peche de servizos de anatomía patolóxica e laboratorio, a eliminación dos radiólogos nos servizos de urxencias dos hospitais comarcais, a privatización dos centros sanitarios ao apostar polo financiamento privado da construción de novos hospitais e centros de saúde e dos plans directorios de mellora e ampliación dos antigos, a cesión a empresas privadas dos servizos de diálises, equipamento tecnolóxico dos centros, centrais de chamadas ou as redes informáticas”, denuncian dende a Plataforma.

Fronte a este ataque contra un servizo básico como é a sanidade pública, dende SOS Galiza sublíñase que “é preciso reaccionar e mobilizarse para facer entender á Xunta que cidadáns e profesionais non imos tolerar que se nos deteriore a Sanidade Pública e menos nun momento de crise estrutural, que é cando máis falta fai”.

Extraído de Avantar

Nenhum comentário: