Asembleas, concentracións, e manifestacións pola defensa do emprego e as prestacións sociais en todo o país polo 10 de marzo

“En defensa do emprego e as prestación sociais” foi o lema baixo o que a CIG desenvolveu este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. Traballadores e traballadoras de todo o país, delegados e delegadas, participaron nas asembleas, concentracións e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Desta volta as reivindicacións céntranse en dous dos temas que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. As cidades de Vigo e Ferrol foron as cidades que acolleron as dúas mobilizacións nacionais nesta data, e que xuntaron a 4.000 traballadores conxuntamente.

Neste día no que se lembra a figura de Amador e Daniel, os dous traballadores de Bazán asasinados pola policía española no ano 1972, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quixo destacar o especial significado desta loita no marco da actual crise do sistema. Seixo, participou nun dos primeiros actos do día: a concentración que a CIG de Compostela desenvolveu na Praza de Galiza. Durante a mobilización, na que participaron arredor de 400 persoas, tamén se levou a cabo a "ocupación" dunha oficina do Banco Santander. As persoas que ocuparon a entidade foron invitadas a desaloxar a oficina polos Corpos e Forzas de Seguridade, a pesar de non impedir o normal desenvolvemento da actividade no banco, e mesmo se lles obrigou a retirar os paos das bandeiras que portaban, por se considerar elementos perigosos.

Pola súa banda, Seixo, lembrou que dos desgraciados sucesos do 72 a clase traballadora galega tirou un proveito: afianzouse a loita pola defensa das liberdades e puxéronse as bases para o nacemento do sindicalismo nacionalista. "Neste momento de crise os traballadores e as traballadoras debemos aproveitar esta situación para crear conciencia de clase e reivindicar medidas de caracter estrutural de cara a conseguir un modelo socioeconómico novo, máis xusto e solidario", afirmou. O Secretario Xeral da CIG tamén se referiu á situación política co novo goberno do PP na Xunta, "pois non axudará en nada a hora de combater a crise". "Coñecemos de vello ás políticas do PP, de corte neoliberal, conservadoras, favorecedoras dun modelo especulativo, de privatización dos servizos públicos básicos, que promove políticas fiscais de reducción de impostos ás empresas pola vía de incrementar os impostos indirectos aos traballadores/as".

Para Seixo vai resultar negativo a presenza dun goberno do PP, pois, apunta, non contribuirá a saída da crise en condicións favorábeis para a clase traballadora e o País, polo que insistiu en que a CIG "terá que facer un bo traballo sindical, cómpre organizarnos e desenvolver un traballo serio", sentenciou. Nesta liña tamén se expresou o Secretario Comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, quen quixo salientar a necesidade de crear un salario de inserción social, que garanta unha mínima cobertura aos/ás traballadores/as que están quedando ou van quedar en breve tempo sen prestacións sociais. Continuar a ler en Avantar...

(Fotos da concentración da Coruña diante da subdelegación de Goberno na que se pode apreciar a alguns dos Delegados da CIG de EMESA e da manifestación de Vigo)

Accdede dende aquí a galeria grafica con fotos das concentracións e manifestacións do dia da Clase Obreira Galega.

Video da ofrenda froral a Amador e Daniel en Ferrol e das diferentes manifestacións o longo de todo o país o dia da Clase Obreira Galega.

Nenhum comentário: